Tuesday 07 de May de 2024

Terceira fase do saneamento da Ribeiriña


Con data 11 de marzo, o órgano de contratación de Augas de Galicia adxudicou o concurso do proxecto de “SANEAMENTO NA RIBEIRIÑA- 3ª FASE”, por un importe de 177.986,86 € (IVE engadido) á empresa “CONSTRUCCIONES TABOADA Y RAMOS S.L.”
O obxecto deste proxecto é o deseño e definición das actuacións necesarias para a dotación de servizos nos núcleos da Ribeiriña que non se incluíron nas dúas primeiras fases. Preténdese con elo completar a rede de saneamento do núcleo da Ribeiriña, incluíndo dúas zonas, unha pequena con vivendas na marxe sur da estrada AC-305 e outra en dúas vías que discorren en perpendicular á mesma estrada e que dan servizo a un pequeno núcleo de vivendas e a unha urbanización de recente construción, para xuntalas coas recollidas nas primeira e segunda fases xa executadas e, posteriormente, levalas á rede municipal de colectores existente.
O trazado vai por ámbalas dúas zonas nas que se proxectan senllos colectores de augas residuais, un para a zona da urbanización, que contará ademais cun pequeno bombeo, e outro na estrada AC-305, conectándose ámbolos dous á rede de saneamento existente na zona. Discorrerán por terreos públicos, tratando de minimizar as afeccións ás vías de circulación e aos servizos existentes na zona.
As tubarias dos colectores de fecais realizaranse en PVC de 250 mm de diámetro, cunha lonxitude de 174 m para o da estrada AC-305 e de 297 m para o da zona da urbanización. As tubarias de impulsión realizaranse en PE de 90 mm cunha lonxitude de 156 m. No referente ao pozo de bombeo, proxéctase en prefabricado tipo COMPIT, construído en polietileno rotomoldeado e irá equipado con dúas bombas trituradoras de 2,4 kw cada unha.
Os 28 pozos de rexistro, a dispoñer nos colectores, serán prefabricados en PVC tipo sanecor de 1.200 mm de diámetro, tapa rexel e lousa de ancoraxe. Como elemento singular do proxecto, destacar un muro de escollera colocado no colector da urbanización cunha altura de 2 m e que serve de sostemento a un recheo realizado no tramo 2 do colector da urbanización.
Todas as instalacións irán soterradas en zanxa, con recheo de material procedente da escavación, repoñendo o pavimento que resultou afectado ou demolido na execución das obras segundo a súa tipoloxía.
As obras comezarán en breve e con elas lle damos un pulo importante ás nosas infraestruturas achegándonos á consecución do saneamento integral no noso concello e por riba de todo na zona da Ribeiriña, beneficiando aos seus veciños e que era un dos obxectivos fixados por este equipo de goberno e considerado como esencial xa que incide no benestar e na mellora da calidade de vida de todos nos.